Durante séculos, a historia da arte foi contada con voz masculina. Pintores, escultores,arquitectos e pensadores ocuparon os libros, os museos e as aulas, mentres as mans creadoras de tantas mulleres quedaron no silencio, entre liñas ou no esquecemento. Mais elas estaban aí: creando, loitando, experimentando, innovando. Mulleres que non só foron musas, venceron os límites impostos polo seu tempo malia que moitas quedaron invisibilizadas por unha historia que non soubo ou non quixo miralas.
Este libro é unha homenaxe e unha chamada de atención, xa que o obxectivo de Elsa Martínez é dar a coñecer as diferentes artistas para que cheguen ó gran público, algo que moitas veces non se consegue dende as administracións públicas e temos que mudalo a través de diferentes iniciativas como esta.
Pero este non é un libro de arte calquera: as imaxes que o acompañan foron creadas cunha linguaxe artística propia, empregando diferentes técnicas: acrílico, colaxe, lapis, acuarela e plastilina e onde Elsa Martínez tentou captar a mirada de cada artista.
Nun contexto no que o acceso á cultura segue a ser desigual, as administracións públicas teñen un papel fundamental na visibilización das mulleres artistas. Dende a área de cultura de Vicepresidencia da Deputación de Lugo estamos comprometidas con proxectos como este, que promovan políticas culturais inclusivas.
A memoria cultural constrúese colectivamente, e tamén desde as institucións. Apostar por unha arte máis plural, diversa e representativa é unha responsabilidade pública. Coidar a presenza das mulleres nos libros, nas programacións culturais, nos museos e nas escolas é apostar por unha historia da arte máis xusta e completa. Só así seremos quen de recoñecer e valorar toda a riqueza creativa que tantas veces quedou fóra do cadro.
© 2025 www.libroslar.com